12 de abril de 2011

Alicia Díaz Balado no Club de Lectura






O LIBRO



Inés de Castro, a compañeira sentimental do infante don Pedro e nai dos seus fillos, reflexiona en primeira persoa sobre a súa existencia, achegándonos deste modo á súa historia de amor e ao discorrer dos últimos anos da súa vida.
Os amores de Inés e Pedro están formados a un tempo de alegría e pesares; nacen dun adulterio e crecen baixo a ameaza e a oposición da corte. Pero a pesar del, e aínda entrevendo no futuro a imaxe dun final desgraciado, estes dous seres conseguirán vivir unidos e formar unha familia pasando por enriba de todos os obstáculos. Nin sequera o dramático fin de Inés conseguirá romper a súa unión que permanece máis alá da morte como exemplo de fidelidade a un sentimento contra o que non puideron nin os homes nin a morte.
As intrigas políticas, as ambicións e loitas baixo as que se desenvolveu esta historia, paséanse polos pensamentos de Inés que, sufríndoas, bota de menos a posibilidade de vivir simplemente en paz, co seu amor e os seus fillos. A autora regala á protagonista o don da poesía, pois a forma en que esta se expresa transcende a prosa e a propia historia, grazas á beleza con que é contada.


A AUTORA



Alicia Díaz Balado naceu en Meira. Estudou na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesora na actualidade. En 2007 foi finalista no Primeiro Certame Literario de Poesía e Narrativa Xoán XXIII na modalidade de poesía.
Colabora ocasionalmente no programa de Radio Obradoiro "O Sombreiro de Merlín".




O pasado martes tivemos o privilexio de contar coa presenza de Alicia Díaz no noso club de lectura. Con ela falamos do seu primeiro libro "Inés de Castro, de cinza e cereixas", e dos personaxes que o poboan, especialmente o de Inés, a súa protagonista. Pero non só charlamos acerca da obra, senón que no encontro con esta autora, de aparencia e trato tan delicado como a súa prosa, abordamos temas como o papel da muller ao longo da historia, a figura de Inés de Castro na tradición portuguesa, a forza dos personaxes históricos nas diferentes culturas e abordamos sobre todo o proceso de creación literaria. As asiduas do club de lectura someteron a nosa convidada a unha verdadeira batería de preguntas, especialmente sobre a forma como escribe e os sentimentos e sensacións que esperta nela o seu traballo. Iso deu pé a unha interesante e amena conversación acerca dos aspectos técnicos e emocionais da arte de escribir. Alicia Díaz, lonxe da imaxe de creadora impulsada polas musas, impartiunos unha lección maxistral sobre a verdadeira grandeza que leva á consecución dunha obra: o esforzo.
"Inés Castro, de cinza e cereixas," é o resultado dun labor arduo, realizado co corazón, pero igualmente co cerebro. Pensar a historia, escribila, relela e emendala unha e outra vez ata que encaixe totalmente no que a autora desexa expresar, e tamén no modo en que quere facelo. Amor pola escritura en fin, que leva a realizala con pracer, si, pero tamén con suores e en ocasións, bágoas.
Da prosa de Alicia Díaz, poética, tenra, evocadora, persoas mais entendidas falarán con maior coñecemento. Nós, humildes lectoras, só podemos dicir que o seu libro nos gustou, pero vendo que a autora supera á súa obra en encanto, cabe esperar que da súa imaxinación e traballo xurdan outros libros que superarán con moito, este primeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario