16 de marzo de 2011

Estamos a ler:

EL BAILE. Irène Némirovsky


O LIBRO

"El baile" é o segundo achegamento do noso club a Irène Némirovsky, da que xa lemos "Suite Francesa". Aínda que esta é unha novela moito máis curta, destila iguais (ou maiores) doses de crueldade, amargura e dor, reflectindo nunhas poucas páxinas todas as pequenas miserias do comportamento humano.
Na relación da moza Antoinette cos seus pais, e especialmente coa súa proxenitora, podemos enxergar un reflexo da que mantivo a autora coa súa propia familia e talvez por iso na novela se mostren de xeito tan vívido os terribles sentimentos que xorden nunha adolescente que non se sente querida, e que nun arranque de rebeldía e desespero, asume a maldade que a rodea para devolvela multiplicada e así polo menos recuperar parte da súa maltratada autoestima.
O egoísmo dos kampf, as súas ambicións de novos ricos obsesionados por entrar nunha sociedade á que non pertencen, e sobre todo a absoluta carencia de afecto cara á súa filla, fannos velos dende o principio con repugnancia (especialmente á nai). Pero tamén na conduta de Antoinette aniña un xerme que xa infectou para sempre a súa aínda inmatura personalidade, porque o rancor e a dor por unha infancia sen afecto non se esquecen xamais.

A AUTORA

Irène Némirovsky naceu o 11 de febreiro de 1903 en Kiev, no seo dunha familia xudía. O seu pai León, un banqueiro ucraíno, era un dos homes máis ricos de Rusia. A nai Fanny, deixou a nena ao coidado dun aia que a ensinou a falar francés, pero ademais, Irène chegou a falar con fluidez ruso, polaco, inglés, vasco e finlandés.
A familia trasladouse a París en 1919 fuxindo da revolución de outubro e alí Irène obtivo unha licenciatura en letras na Sorbona. Publica algúns contos en revistas francesas e leva unha vida despreocupada e trouleira ata que en 1926 casa co enxeñeiro Michel Epstein co que terá dúas fillas: Denise e Fanny. En 1929 enviou a súa novela "David Golder" a unha editorial e será o comezo dunha exitosa carreira literaria na que se lle chegaría a considerar como unha das escritoras mais prestixiosas de Francia. Aínda así non obterá a nacionalidade francesa e no medio dun marcado antisemitismo, convértese ao cristianismo xunto coas súas fillas en 1939.
Ao iniciarse a guerra o matrimonio leva ás nenas a Issy-L'Évéque. Eles volven a París, pero son sometidos ás leis contra os xudeus, perden o dereito a traballar e deciden reunirse coas súas fillas. Irène segue publicando (con pseudónimo) e escribe: "La vida de Chejov" e "Las moscas del otoño". Comeza tamén a traballar na súa obra "Suite francesa", aínda que dubida que teña tempo para rematala. E así é en efecto, é detida pola xendarmaría francesa o 13 de xullo do 42, e posteriormente deportada a Aunschwitz, onde morre o 17 de agosto dese mesmo ano. O seu marido, que intentou intervir no seu favor, será arrestado en outubro e seguirá a súa mesma sorte.
As fillas, igualmente perseguidas, emprenderán unha fuxida por toda Francia, acompañadas pola súa fiel titora e arrastrando con elas a maleta cos manuscritos da súa nai. Entre eses papeis está "Suite francesa".

"A familia é un defecto do que non nos repoñemos doadamente". Hermann Hesse

Boa lectura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario