27 de febrero de 2011

Estamos a ler:

ESPLENDOR DE PORTUGAL. António Lobo Antunes


O LIBRO

Nesta obra, Lobo Antunes narra a progresiva decadencia dunha familia de ascendencia portuguesa asentada en Angola. Tras dúas xeracións de opulencia grazas ao cultivo das terras por medio de escravos, o fin da colonización, supoñerá para eles a miseria, a expulsión do seu país e nalgún caso a morte ás mans dos que foron as súas vítimas.
Lobo Antunes achéganos a un período da historia para moitos descoñecido, describíndonos os terribles abusos que os colonos cometeron cos angolanos e, máis tarde, a carnizaría en que se converteu a súa liberación. A través da novela móstransenos todas as miserias que poden aniñar no corazón humano: facendados crueis, sen chisco de humanidade, criados e traballadores tamén deshumanizados pola explotación, que tomarán unha terrible revancha... un mundo onde non existe lugar para a debilidade.
E nesta sórdida paisaxe, desenvólvese tamén o drama dunha desintegración familiar. A traxectoria vital duns seres condenados a estar xuntos sen chegar a entenderse, afogado cada un no seu mundo de rancores, celos, dor e desconfianza. Ningún dos personaxes da novela está libre de odio, egoísmo, crueldade. Ningún se nos fai agradable, nin nos esperta piedade a pesar de que todos se ven abocados a un terrible castigo: a soidade e o abandono dos do seu propio sangue. Aínda así, hai algo que se chega a conmover o lector: baixo a crueldade e a dureza desta desgraciada familia, latexa tamén unha profunda e humana necesidade de ser queridos, algo que ningún deles parece ter coñecido nunca e que intimamente buscan e agardan, contra toda esperanza, ata o final.



O AUTOR

António Lobo Antunes naceu o 1 de setembro de 1942 en Lisboa, Portugal. Estudou Medicina, especializándose en psiquiatría pero dende sempre tivo o desexo de ser escritor. En agosto de 1970, casouse con Maria José Xavier dá Fonseca coa que ten dúas fillas Maria José e Joana.
Mentres estaba a realizar o servizo militar, en 1971 destináronlle a Angola, polo que participou na última fase da guerra de liberación colonial (tema recorrente en moitos dos seus libros) Ao seu regreso a Portugal entrou a traballar como psiquiatra no Hospital Miguel Bombarda.
A súa primeira novela, "Memoria de Elefante", ve a luz en 1979, ano en que tamén se divorcia da súa primeira muller. Casou por segunda vez con Maria João Burstoff Silva e ten unha terceira filla, Isabel. Abandona a súa profesión para dedicarse a escribir e en 1990 a súa novela Tratado das Paixóns da Alma, conságrao a nivel internacional.
Actualmente vive en Lisboa e dedícase por completo á literatura e ao periodismo. É xunto a José Saramago, o escritor portugués máis traducido no estranxeiro, especialmente no norte de Europa. Tamén é o primeiro portugués distinguido co Premio Juan Rulfo (en 2008) e foi varias veces candidato ao premio nobel de literatura.
Entre as súas obras podemos destacar á parte das mencionadas: "La muerte de Carlos Gardel"(1994), "Manual de Inquisidores" (1996) e "¿Qué haré cuando todo arde?" (2001)



"Non hai un sentimento sen o seu contrario" António Lobo Antunes

Boa lectura

No hay comentarios:

Publicar un comentario