13 de febrero de 2011

Estamos a ler:

EL ÚLTIMO ENCUENTRO Sándor Márai


O LIBRO

A novela, breve pero chea de intensidade, relata o reencontro de dous amigos despois de corenta e un anos de distanciamento, tras tratarse e quererse como irmáns durante gran parte das súas vidas. A través dos pensamentos e reflexións do protagonista o autor fainos un lúcido retrato desa relación tan complexa e fermosa que é a amizade.
Pero Márai non queda aquí. Na obra, como en moitas outras da súa produción, o escritor mostra o período de decadencia da burguesía húngara, unha clase social que coñecía moi ben por nacer no seu seo. O mesmo Márai declarou nunha ocasión: "talvez a única obriga da miña vida e o meu traballo como escritor sexa elaborar o proceso desa desintegración".


O AUTOR

Sándor Károly Henrik Grosschmid de Mára, (1900-1989), naceu en Kassa (na actualidade Eslovaquia). Fillo dunha acomodada familia de orixe saxoa estudou literatura e humanidades no seu país natal e logo iniciou a carreira de periodismo en Alemaña, pero abandonouna. Casou en 1923 e viviu en varias cidades como Berlín, e Múnic e París, gañándose a vida maiormente como xornalista.
En 1928 instalouse en Budapest, onde alcanzou gran recoñecemento. Os críticos gabaron a claridade e a precisión da súa prosa e considerábaselle un dos escritores máis importantes da literatura centroeuropea. A súa obra traduciuse a varios idiomas. A pesar de declararse "profundamente antifascista" e escribir acendidos artigos contra o nazismo. a súa fama salvagardouno das esperables represalias.
A chegada do réxime comunista, fixo que se exiliase xunto coa súa esposa (que sempre estivo ao seu lado) e residiu en Suíza e Italia para posteriormente nacionalizarse en Estados Unidos. A súa obra sería prohibida en Hungría e caeu no esquecemento ata que co ocaso do comunismo foi redescuberto.
Sufocado pola vellez e pola perda dos seus seres queridos Márai suicidouse en 1989 en San Diego, California. Por poucos meses non chegou a ver a caída do Muro de Berlín.
Entre a súa inmensa produción literaria (que inclúe tamén poesía, teatro, ensaio, memorias e colaboracións xornalísticas), destacaremos “Música en Florencia”, “Divorcio en Buda”, “La amante de Bolzano” e a novela que agora lemos ”El último encuentro"


NOTA DE INTERESE:

Para quen se senta atraído pola obra e figura de Márai, ademais de ler outros títulos do escritor (recomendables especialmente os seus diarios) pode achegarse a unha biografía ilustrada que baixo o título “Sándor Márai: una vida en imágenes” realizou o húngaro Emo Zëltner.


Un sempre responde coa súa vida enteira ás preguntas máis importantes” Sándor Márai,

Boa lectura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario