22 de septiembre de 2010

Estamos a ler:

LA SOLEDAD DE LOS NÚMEROS PRIMOS. Paolo Giordano.

O LIBRO

Unha historia dolorosa... como o é a miúdo a propia realidade. Unha lúcida reflexión sobre a soidade enfocada nas vidas dos seus protagonistas: Alice e Mattia. Ambos os dous levan sobre as súas costas as feridas que deixa unha infancia marcada pola traxedia e loitan, cada cual ao seu xeito, por saír adiante nun mundo que se mostra hostil para os que non son o suficientemente fortes. Como os números primos xemelgos permanecerán sempre próximos, pero sen chegar a tocarse, porque a mesma fraxilidade que lles une se interpón entre eles.

O AUTOR

Nacido en Turín, en 1982, este licenciado "cum laude" en física, demostrou xa na súa primeira obra que as súas aptitudes non se limitan ás ciencias. Con "A soidade dos números primos", recibiu no 2008 os premios Campiello, Fiésole Narrativa Under 40 e o Premio Strega (Con 26 anos, foi o autor máis novo en conseguir o último). Non en van, a novela vendeu en Italia mais dun millón de copias o ano que saíu á luz.


“Moitas cousas déronme no mundo, só é miña a pura soidade”. Dulce María Loynaz

Boa lectura.

15 de septiembre de 2010

Estamos a ler:


OLLOS DE AGUA Domingo Villar

O AUTOR

Domingo Villar, (Vigo 1971) vive en Madrid, e exerceu como guionista de cine e televisión. Ligado dende a súa infancia ao mundo do viño (o seu pai é bodegueiro, ao igual que o proxenitor do seu personaxe Leo Caldas) traballou como critico gastronómico nunha emisora de radio nacional e colaborador habitual en varias publicacións escritas.
“Ollos de auga”, (a súa primeira novela) publicouse no ano 2006 e tivo unha grande acollida entre a crítica e o público, obtendo o I Premio Sintagma, o Premio Brigada 21 e o Premio Frei Martín Sarmiento, ademais de quedar finalista en dúas categorías dos Crime Thiller Awards en Reino Unido. Éxito indiscutible de vendas na súa terra natal, foi tamén un dos libros máis vendidos a nivel nacional, e un descubrimento para os amantes do xénero policíaco.

Na súa segunda novela A praia dos afogados 2009, continúa relatando as aventuras do detective Leo Caldas e do seu axudante Rafael Estévez, e non defraudou aos seus seguidores, polo que é de esperar que esta saga detectivesca nos ofreza mais historias no futuro.

A súa obra que se publica simultáneamente en galego e en castelán, foi traducida xa a varios idiomas.


A OBRA

Leo Caldas, un detective galego, e Rafael Estévez, o seu axudante, un aragonés recén chegado á comisaría, investigan o asasinato dun músico perpetrado con inusitada crueldade nun piso de luxo fronte á ría de Vigo.
As pescudas que os dous axentes levarán a cabo para descubrir o culpable, non só transmiten aos lectores a intriga inherente ás novelas policíacas, senón que os somerxen no día a día de Galicia, na súa gastronomía, as súas paisaxes, o carácter das súas xentes... Deste modo, trama e marco compleméntanse de tal maneira que a obra de Villar adquire unha marcada "denominación de orixe" facendo a súa lectura especialmente próxima para todo aquel que coñeza Galicia. Nas novelas non só se trasmite o amor e coñecemento que o autor ten da súa terra, senón unha calidade na narración que aínda se acrecenta se cabe na segunda novela, totalmente recomendable para os que gozaran coa primeira.


Boa lectura.

3 de agosto de 2010

Estamos a ler:

EL TIEMPO ENTRE COSTURAS. María Dueñas


O LIBRO


A nova modista Sira Quiroga abandona o Madrid convulso dos meses previos ao alzamento arrastrada polo amor desbocado cara a un home a quen apenas coñece. Con el instálase en Tánxer, unha cidade exótica e vibrante onde todo pode suceder. Mesmo a traizón. Soa, desituada e cargada de débedas alleas, Sira trasládase accidentalmente a Tetuán, capital do Protectorado Español en Marrocos. Esporeada pola necesidade de saír a flote, con argucias inconfesables e grazas á axuda de novas amizades de reputación un tanto dubidosa, forxará unha nova identidade e logrará poñer en marcha un selecto taller de costura no que atenderá a clientas de orixes afastadas e presentes insospeitadas. A partir de entón, coa contenda española recén rematada e os ecos da guerra europea resoando na distancia, o destino de Sira queda ligado ao dun puñado de carismáticos personaxes -Rosalinda Fox, Juan Luis Beigbeder, Alan Hillgarth- que a empurrarán cara a un inesperado compromiso no que as artes do seu oficio ocultarán algo moito máis arriscado..

O AUTOR

María Dueñas Vinuesa (Puertollano, Ciudad Real, 1964) é doutora en Filoloxía Inglesa e profesora titular da Universidade de Murcia. Impartiu docencia en universidades norteamericanas, é autora de traballos académicos e participou en diversos proxectos educativos, culturais e editoriais. A súa familia materna viviu en Tetuán durante a etapa do Protectorado Español en Marrocos e, a partir dos recordos e evocacións daquela época, naceu a trama de "el tiempo entre costuras".


Boa lectura.

14 de julio de 2010

Estamos a ler:

O SOL DOS SCORTA. Laurent Gaudé
O LIBRO
Gañador do Prix des Libraires 2003 con "O legado do rei Tsongor", Laurent Gaudé obtivo un ano máis tarde o premio Goncourt, o máis prestixioso dos galardóns literarios franceses, con O sol dos Scorta, que se converteu nun dos éxitos máis soados do ano 2005 en Francia -máis de 375 mil exemplares vendidos- e que sería traducido a quince idiomas. Como na súa novela anterior, Gaudé debuxa un universo épico e intemporal mediante unha linguaxe moderna e unha historia saturada de cor e paixón, situada esta vez nun sur de Italia mítico e imaxinario.Dende finais do século XIX ata o presente, varias xeracións dunha mesma familia encaran afrontas e desafíos no pequeno pobo de Montepuccio, empolicado xunto ao mar, entre outeiros e oliveirais calcinados por un sol inmisericorde. Unha fatídica tarde de verán, da unión ilícita dun delincuente de pouca monta e unha madura solteirona nace Rocco Scorta Mascalzone, e con el, unha estirpe condenada á deshonra e o oprobio. Aínda que os inesquecibles Carmela, Giuseppe, Domenico e Raffaele viven na pobreza, sempre obrigados a empezar de novo, transmítense con orgullo a mísera herdanza que lles deixa a vida. Con excepción da modesta expenduría de tabaco familiar, a súa riqueza é intanxible; compóñena os recordos comúns, unha insaciable sede de vivir e unha rara capacidade para gardar segredos, que os fai infinitamente fortes e poderosos.Con ecos da mitoloxía e a traxedia grega, e reminiscencias de autores como Carlo Levi e Elio Vittorini, O sol dos Scorta é unha novela profundamente humanista, que examina os misteriosos vínculos que se establecen entre o destino, os seres humanos e a terra que os viu nacer.

O AUTOR

Laurent Gaudé é dramaturgo e novelista. Nacido o 6 de Xullo de 1972 en París, estudou teatro na Universidade Sorbona Nueva - París. Á súa primeira novela, titulada Cris, seguiu en 2002 O legado do rei Tsongor, que obtivo o premio Goncourt des Lycéens 2002 -outorgado polos estudantes de ensino secundario e preuniversitario de Francia-, e foi finalista do premio Goncourt do mesmo ano. Así mesmo, foi gañadora do Prix des Libraires 2003, concedido por libreiros de Francia, Bélxica, Suíza e Canadá. A confirmación de Gaudé como unha das novas voces da literatura francesa chega con O sol dos Scorta, que recibiu, entre outros, o premio Goncourt 2004.

"O sol dos Scorta" é unha maravillosa posta en escea da tradición familiar e de cómo é posible cambiar algunha cousa...


Boa lectura.

5 de julio de 2010

Estamos lendo:

A NOITE DO ORÁCULO. Paul Auster.

O AUTOR

Paul Auster (Newark, Nova York, 3 de febreiro 1947), ten unha vocación precoz (comeza a escribir aos 12 anos) e despois de estudar na Universidade de Columbia literatura francesa, italiana e inglesa, empeza a facer traballos de tradución de autores franceses, escribe poesía, teatro, artigos e entrevistas, traballa nun petroleiroe alterna o seu domicilio entre Francia e España.
Escribe a súa primeira novela "Squeeze Play" co pseudónimo de Paul Benjamín, con escaso éxito editorial. Ata anos despois non empezará a obter recoñecemento como escritor.
Das súas obras máis destacadas podemos citar entre outras moitas: "O pazo da Lúa" (1989), Leviatán (1992) e "Brookling Follies" (2005)
.Ademais de novela seguiu escribindo relatos, ensaio, poesía e guións de cine (algúns adaptacións das súas obras como "Música do Azar" e "O caderno vermello". En ocasións exerceu tamén como director e produtor.
Recibiu varios premios, entre eles o Premio Morton Dauwen Zabel de la Academia Estadounidensedas Artes e as Letras (1990) e o Premio Príncipe de Asturias das Letras (2006).
O autor recoñécese influenciado por escritores como Kafka e Beckett. Como temas recorrentes na súa literatura, que posúe unha insuperable calidade descritiva, encontramos a enfermidade, o azar, a metaliteratura e a descrición de obxectos de papelaría, aos que ten unha especial afección.

A NOVELA

O libro descríbenos a recuperación tanto físico como moral do protagonista. Sidney Orr é un escritor que sobreviviu a unha enfermidade grave e que pouco a pouco vai retomando o seu lugar no mundo, fortalecendo o seu corpo e tratando de recuperar a súa inspiración para volver ao seu oficio.
Mentres trata de elaborar unha historia nun caderno azul, deberá tamén achegarse a unha esposa que parece cada vez máis afastada e cuxo pasado descoñece e desentrañar o misterio que se esconde tras a súa relación.
Unha novela dentro doutra novela, unha simbiose entre a realidade e a ficción, entre o cotián e o fantástico. O protagonista cabalga entre ambos os dous mundos e así o autor permítenos acceder á personalidade de Sidney e aos aspectos que a conforman, os seus pensamentos máis íntimos e o desenvolvemento do seu proceso creativo, que para un artista é sempre parte inseparable, do seu ser.



"Os escritores somos seres feridos. Por iso creamos outra realidade". Paul Auster.

18 de junio de 2010

Adeus

"Espero morrer como vivín, respectándome a min mesmo como condición para respectar aos demais e sen perder a idea de que o mundo debe ser outro e non esta cousa infame".



José Saramago (1922-2010)

17 de junio de 2010

"Kafka en la orilla": Variedade de opinións.

Reunión do club do 15 de Xuño.


Esta quincena lemos "Kafka en la orilla" de Murakami. Para moitas das compoñentes do club foi o primeiro achegamento ao autor xaponés, e estas son, a grandes trazos, algunhas das opinións que a lectura da súa obra orixinou.

Murakami como escritor.

Se hai algo no que todas estivemos de acordo é na calidade de Murakami como escritor. Ninguén pode negar a destreza coa que manexa a linguaxe, e a gran riqueza da súa narrativa.
Sinalouse tamén o importante que é unha boa tradución para poder gozar dos autores estranxeiros, e neste caso parece ser que tivemos esa sorte.

O Universo máxico de "Kafka en la orilla".

Nesta cuestión é onde hai variedade de opinións.
Para algunhas das lectoras os trazos fantásticos da súa novela son unha das cousas que máis sorprenderon e agradaron, en especial pola súa grande orixinalidade e pola posibilidade que o escritor ofrece de realizar múltiples lecturas, que abranguen todos os temas posibles, dende a filosofía, a historia, a relixión...
En cambio, para outra parte das lectoras tiña moito máis interese a parte realista da narración, e apuntouse que ás veces as pasaxes "máxicas", sobre todo no que respecta á traxectoria de Tanaka, facían a novela máis enmarañada e demasiado cargada de feitos sen explicación, achegándoa demasiado ao xénero da fantasía que non a todo o mundo agrada.
Sinalouse que podería ser interesante ler unha obra do autor máis realista, pois, como mencionamos antes, todas coincidimos en que Murakami é un excelente narrador.