18 de abril de 2011

Estamos a ler:

EL VUELO DE LA REINA Tomás Eloy Martínez.

O LIBRO


En “El vuelo de la reina” o autor descríbenos as relacións entre G.M. Camargo, un poderoso director de diario que rolda a sesentena, e Reina Remis, unha nova xornalista en pendes. Sobre o escenario dun país que se esborralla, sumido na corrupción política e as manobras case esperpénticas dun presidente que se nega a aceptar a súa inevitable caída, desenvólvese o encontro dos dous personaxes principais. Un encontro que dende o principio está destinado a ser desastroso, pois a personalidade de Camargo, enferma e trastornada polas perdas da infancia, o imposibilita para o afecto. A soberbia, a frialdade, e a falta de empatia que encobre un ser inseguro, infantil e analfabeto ante os sentimentos, levarán o protagonista aos extremos da loucura, transformando un romance outonal nunha truculenta historia de dor e vinganza.

En canto a Reina, unha muller libre e chea de talento, pero que intimamente desexa, como todos, afecto, non pode evitar caer baixo o influxo de Camargo buscando, quizais, un muro seguro no que apoiarse. Desgraciadamente, comprenderá demasiado tarde que ás veces é mellor afacerse á soidade.


O AUTOR


Tomás Eloy Martínez naceu en San Miguel de Tucumán (Arxentina) en 1934 e faleceu no ano 2010. Graduouse como licenciado en Literatura Española e Latinoamericana na Universidade de Tucumán, e ampliou os seus estudos na Universidade de París, onde obtivo unha mestría de Literatura.

Foi escritor, guionista de cine e ensaísta, pero principalmente dedicouse ao periodismo. En Bos Aires traballou como crítico de cine para o diario “La nación”, xefe de redacción do semanario “Primera Plana”, corresponsal da Editorial Abril en Europa, director do semanario “Panorama” e do suplemento cultural “La opinión”. Foi o creador e primeiro director do programa de noticias “Telenoche”

En 1975, tras recibir ameazas do grupo Triplo a, exiliouse en Venezuela onde viviu ata 1983 e exerceu como editor en “El Nacional” e asesor da dirección no mesmo diario. Tamén foi fundador, ademais de director de Redacción de “El diario de Caracas”. Ao seu regreso a Arxentina formou parte da cooperativa de Xornalista Independentes que editaba a revista “El Porteño" e tamén creou o suplemento literario “Primer plano” do diario "Página 12", de Bos Aires. Traballou como columnista no diario “La Nación” e en “The New York Times Syndicate”, que publicou os seus artigos en douscentos xornais de América e Europa, entre eles “El País”, de España. Ademais participou activamente na creación do diario“Siglo 21” de México. Impartiu conferencias e cursos en diversas universidades de Europa e América; é doutor honoris causa pola universidade Jonh F. Kennedy de Bos Aires e pola Universidade de Tucumán. Dende o 2009 formaba parte da Academia Nacional de Periodismo. Ten no seu haber varios premios: Premio Cóndor de Plata (2008) da Asociación de Cronistas Cinematográficos de Arxentina,, Premio Ortega e Gasset de Periodismo (2009) outorgado polo diario o país e o Premio Internacional Alfaguara de Novela (2002) por “El vuelo de la reina”. Entre a súa obra literaria destacaremos: “Sagrado” (1969)," La novela de Perón" (1985), “Santa Evita” (1995).
"Todas as paixóns son boas mentres un é dono delas, e todas son malas cando nos escravizan". Rousseau Boa lectura.

12 de abril de 2011

Alicia Díaz Balado no Club de Lectura






O LIBRO



Inés de Castro, a compañeira sentimental do infante don Pedro e nai dos seus fillos, reflexiona en primeira persoa sobre a súa existencia, achegándonos deste modo á súa historia de amor e ao discorrer dos últimos anos da súa vida.
Os amores de Inés e Pedro están formados a un tempo de alegría e pesares; nacen dun adulterio e crecen baixo a ameaza e a oposición da corte. Pero a pesar del, e aínda entrevendo no futuro a imaxe dun final desgraciado, estes dous seres conseguirán vivir unidos e formar unha familia pasando por enriba de todos os obstáculos. Nin sequera o dramático fin de Inés conseguirá romper a súa unión que permanece máis alá da morte como exemplo de fidelidade a un sentimento contra o que non puideron nin os homes nin a morte.
As intrigas políticas, as ambicións e loitas baixo as que se desenvolveu esta historia, paséanse polos pensamentos de Inés que, sufríndoas, bota de menos a posibilidade de vivir simplemente en paz, co seu amor e os seus fillos. A autora regala á protagonista o don da poesía, pois a forma en que esta se expresa transcende a prosa e a propia historia, grazas á beleza con que é contada.


A AUTORA



Alicia Díaz Balado naceu en Meira. Estudou na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesora na actualidade. En 2007 foi finalista no Primeiro Certame Literario de Poesía e Narrativa Xoán XXIII na modalidade de poesía.
Colabora ocasionalmente no programa de Radio Obradoiro "O Sombreiro de Merlín".




O pasado martes tivemos o privilexio de contar coa presenza de Alicia Díaz no noso club de lectura. Con ela falamos do seu primeiro libro "Inés de Castro, de cinza e cereixas", e dos personaxes que o poboan, especialmente o de Inés, a súa protagonista. Pero non só charlamos acerca da obra, senón que no encontro con esta autora, de aparencia e trato tan delicado como a súa prosa, abordamos temas como o papel da muller ao longo da historia, a figura de Inés de Castro na tradición portuguesa, a forza dos personaxes históricos nas diferentes culturas e abordamos sobre todo o proceso de creación literaria. As asiduas do club de lectura someteron a nosa convidada a unha verdadeira batería de preguntas, especialmente sobre a forma como escribe e os sentimentos e sensacións que esperta nela o seu traballo. Iso deu pé a unha interesante e amena conversación acerca dos aspectos técnicos e emocionais da arte de escribir. Alicia Díaz, lonxe da imaxe de creadora impulsada polas musas, impartiunos unha lección maxistral sobre a verdadeira grandeza que leva á consecución dunha obra: o esforzo.
"Inés Castro, de cinza e cereixas," é o resultado dun labor arduo, realizado co corazón, pero igualmente co cerebro. Pensar a historia, escribila, relela e emendala unha e outra vez ata que encaixe totalmente no que a autora desexa expresar, e tamén no modo en que quere facelo. Amor pola escritura en fin, que leva a realizala con pracer, si, pero tamén con suores e en ocasións, bágoas.
Da prosa de Alicia Díaz, poética, tenra, evocadora, persoas mais entendidas falarán con maior coñecemento. Nós, humildes lectoras, só podemos dicir que o seu libro nos gustou, pero vendo que a autora supera á súa obra en encanto, cabe esperar que da súa imaxinación e traballo xurdan outros libros que superarán con moito, este primeiro.