14 de julio de 2010

Estamos a ler:

O SOL DOS SCORTA. Laurent Gaudé
O LIBRO
Gañador do Prix des Libraires 2003 con "O legado do rei Tsongor", Laurent Gaudé obtivo un ano máis tarde o premio Goncourt, o máis prestixioso dos galardóns literarios franceses, con O sol dos Scorta, que se converteu nun dos éxitos máis soados do ano 2005 en Francia -máis de 375 mil exemplares vendidos- e que sería traducido a quince idiomas. Como na súa novela anterior, Gaudé debuxa un universo épico e intemporal mediante unha linguaxe moderna e unha historia saturada de cor e paixón, situada esta vez nun sur de Italia mítico e imaxinario.Dende finais do século XIX ata o presente, varias xeracións dunha mesma familia encaran afrontas e desafíos no pequeno pobo de Montepuccio, empolicado xunto ao mar, entre outeiros e oliveirais calcinados por un sol inmisericorde. Unha fatídica tarde de verán, da unión ilícita dun delincuente de pouca monta e unha madura solteirona nace Rocco Scorta Mascalzone, e con el, unha estirpe condenada á deshonra e o oprobio. Aínda que os inesquecibles Carmela, Giuseppe, Domenico e Raffaele viven na pobreza, sempre obrigados a empezar de novo, transmítense con orgullo a mísera herdanza que lles deixa a vida. Con excepción da modesta expenduría de tabaco familiar, a súa riqueza é intanxible; compóñena os recordos comúns, unha insaciable sede de vivir e unha rara capacidade para gardar segredos, que os fai infinitamente fortes e poderosos.Con ecos da mitoloxía e a traxedia grega, e reminiscencias de autores como Carlo Levi e Elio Vittorini, O sol dos Scorta é unha novela profundamente humanista, que examina os misteriosos vínculos que se establecen entre o destino, os seres humanos e a terra que os viu nacer.

O AUTOR

Laurent Gaudé é dramaturgo e novelista. Nacido o 6 de Xullo de 1972 en París, estudou teatro na Universidade Sorbona Nueva - París. Á súa primeira novela, titulada Cris, seguiu en 2002 O legado do rei Tsongor, que obtivo o premio Goncourt des Lycéens 2002 -outorgado polos estudantes de ensino secundario e preuniversitario de Francia-, e foi finalista do premio Goncourt do mesmo ano. Así mesmo, foi gañadora do Prix des Libraires 2003, concedido por libreiros de Francia, Bélxica, Suíza e Canadá. A confirmación de Gaudé como unha das novas voces da literatura francesa chega con O sol dos Scorta, que recibiu, entre outros, o premio Goncourt 2004.

"O sol dos Scorta" é unha maravillosa posta en escea da tradición familiar e de cómo é posible cambiar algunha cousa...


Boa lectura.

5 de julio de 2010

Estamos lendo:

A NOITE DO ORÁCULO. Paul Auster.

O AUTOR

Paul Auster (Newark, Nova York, 3 de febreiro 1947), ten unha vocación precoz (comeza a escribir aos 12 anos) e despois de estudar na Universidade de Columbia literatura francesa, italiana e inglesa, empeza a facer traballos de tradución de autores franceses, escribe poesía, teatro, artigos e entrevistas, traballa nun petroleiroe alterna o seu domicilio entre Francia e España.
Escribe a súa primeira novela "Squeeze Play" co pseudónimo de Paul Benjamín, con escaso éxito editorial. Ata anos despois non empezará a obter recoñecemento como escritor.
Das súas obras máis destacadas podemos citar entre outras moitas: "O pazo da Lúa" (1989), Leviatán (1992) e "Brookling Follies" (2005)
.Ademais de novela seguiu escribindo relatos, ensaio, poesía e guións de cine (algúns adaptacións das súas obras como "Música do Azar" e "O caderno vermello". En ocasións exerceu tamén como director e produtor.
Recibiu varios premios, entre eles o Premio Morton Dauwen Zabel de la Academia Estadounidensedas Artes e as Letras (1990) e o Premio Príncipe de Asturias das Letras (2006).
O autor recoñécese influenciado por escritores como Kafka e Beckett. Como temas recorrentes na súa literatura, que posúe unha insuperable calidade descritiva, encontramos a enfermidade, o azar, a metaliteratura e a descrición de obxectos de papelaría, aos que ten unha especial afección.

A NOVELA

O libro descríbenos a recuperación tanto físico como moral do protagonista. Sidney Orr é un escritor que sobreviviu a unha enfermidade grave e que pouco a pouco vai retomando o seu lugar no mundo, fortalecendo o seu corpo e tratando de recuperar a súa inspiración para volver ao seu oficio.
Mentres trata de elaborar unha historia nun caderno azul, deberá tamén achegarse a unha esposa que parece cada vez máis afastada e cuxo pasado descoñece e desentrañar o misterio que se esconde tras a súa relación.
Unha novela dentro doutra novela, unha simbiose entre a realidade e a ficción, entre o cotián e o fantástico. O protagonista cabalga entre ambos os dous mundos e así o autor permítenos acceder á personalidade de Sidney e aos aspectos que a conforman, os seus pensamentos máis íntimos e o desenvolvemento do seu proceso creativo, que para un artista é sempre parte inseparable, do seu ser.



"Os escritores somos seres feridos. Por iso creamos outra realidade". Paul Auster.

18 de junio de 2010

Adeus

"Espero morrer como vivín, respectándome a min mesmo como condición para respectar aos demais e sen perder a idea de que o mundo debe ser outro e non esta cousa infame".



José Saramago (1922-2010)

17 de junio de 2010

"Kafka en la orilla": Variedade de opinións.

Reunión do club do 15 de Xuño.


Esta quincena lemos "Kafka en la orilla" de Murakami. Para moitas das compoñentes do club foi o primeiro achegamento ao autor xaponés, e estas son, a grandes trazos, algunhas das opinións que a lectura da súa obra orixinou.

Murakami como escritor.

Se hai algo no que todas estivemos de acordo é na calidade de Murakami como escritor. Ninguén pode negar a destreza coa que manexa a linguaxe, e a gran riqueza da súa narrativa.
Sinalouse tamén o importante que é unha boa tradución para poder gozar dos autores estranxeiros, e neste caso parece ser que tivemos esa sorte.

O Universo máxico de "Kafka en la orilla".

Nesta cuestión é onde hai variedade de opinións.
Para algunhas das lectoras os trazos fantásticos da súa novela son unha das cousas que máis sorprenderon e agradaron, en especial pola súa grande orixinalidade e pola posibilidade que o escritor ofrece de realizar múltiples lecturas, que abranguen todos os temas posibles, dende a filosofía, a historia, a relixión...
En cambio, para outra parte das lectoras tiña moito máis interese a parte realista da narración, e apuntouse que ás veces as pasaxes "máxicas", sobre todo no que respecta á traxectoria de Tanaka, facían a novela máis enmarañada e demasiado cargada de feitos sen explicación, achegándoa demasiado ao xénero da fantasía que non a todo o mundo agrada.
Sinalouse que podería ser interesante ler unha obra do autor máis realista, pois, como mencionamos antes, todas coincidimos en que Murakami é un excelente narrador.

31 de mayo de 2010

O Club de Lectura na Feira do Libro de Madrid












Autovía por diante e escoltadas por unhas magníficas e coloridas paisaxes, regresamos. A miña imaxinación non obstante retorna ao percorrido entusiasta que fixemos onte, pola outra autovía que é a Feira do Libro, visitando as diferentes casetas e co xúbilo propio de quen vai descubrindo autores consagrados que asinan cariñosamente as súas obras,
Eduardo Punset, Julia Navarro, Soledad Puértolas, Angeles Caso, Jordi Serra i Fabra, Lucía Etxebarría, entre outros moitos e como non, o noso queridísimo Antonio Gala, que na súa dedicatoria nos desexaba que compartísemos sempre o corazón e a ledicia.

Na dedicatoria que me escribiu
Javier Marias da súa novela "Todas las almas", resalta que é quizais a súa novela favorita, aínda.

Semellante parecer, vén a ser esta busca de poder dicir que damos o mellor que temos para que outros poidan aproveitalo, crendo ao mesmo tempo que hai un aínda, no que se pode mellorar. Esta é a esencia deste Club de Lectura.

Ánimo non nos falta, a ilusión proporciónanos esa vontade para seguir aprendendo.

Efectivamente, unha representación aínda moi pequena, do Club de Lectura de Burela, visitou a Feira do Libro e nesa visita, fomos contaxiadas, aínda máis se cabe, da necesidade de que en Burela o amor pola lectura sexa un chanzo que eleve a esta localidade nunha tarefa cultural, con tanto arraigamento como arraigada está Burela no mar.

20 de mayo de 2010

Estamos a ler:

KAFKA EN LA ORILLA. Haruki Murakami.

O LIBRO


Kafka Tamura escápase da súa casa ao cumprir os quince anos fuxindo da maldición do seu pai, que o condena a matalo e deitarse coa súa nai e a súa irmá. Os seus pasos levarano a unha cidade do sur, Takamatsu, e na súa acolledora biblioteca encontrará outros personaxes que pasarán a formar parte da súa historia e quizais, do cumprimento da profecía: Satoru Nakata un ancián que fala cos gatos, Oshima, o novo e sensible bibliotecario, Saeki, unha cincuentona amable que podería ser a nai que Tamura nunca coñeceu...
Esta versión contemporánea da traxedia clásica de Edipo está ademais impregnada de moitas outras influencias: Kafka e a súa mestura do estraño e o cotián, o realismo máxico hispanoamericano, as teorías de Freud sobre os conflitos do crecemento e o logro da propia identidade... Todo iso salpicado de referencias culturais: a Grecia clásica, a cultura occidental e a oriental... filosofía, arte, mitoloxía, música... a novela abrangue todo un mundo de contidos... como os abrangue a vida mesma.


O AUTOR

Nacido o 12 de xaneiro de 1942 en Kioto (Xapón), Haruki Murakami estudou literatura e teatro gregos na Universidade de Waseda. Grande afeccionado á música ( o seu primeiro emprego tívoo nunha tenda de discos), chegou a rexentar un bar de jazz, e a súa paixón por esta arte reflíctese nas súas novelas.
Ademais de exercer como escritor, adicase a traducir escritores estadounidenses como John Irving ou F. Scott Fizgerald ao xaponés. A moitos deles considéraos os seus mestres e influíron notoriamente no seu traballo, que tamén se enriqueceu con elementos da cultura popular da que se declara defensor.
Escribeu libros de relatos: Sauce ciego, mujer dormida (2008) ensaio: De que hablo cuando hablo de correr (2008) e varias novelas entre as que podemos destacar: Tokio Blues (1987), Crónica del pájaro que da cuerda al mundo (1994), e a que nos ocupa Kafka en la orilla (2002). Esta última foi considerada no ano 2005 polos críticos do suplemento literario do New York Times como a mellor novela do ano.

"Todo pasa. Ninguén ten algo para sempre. Así é como temos que vivir". Haruki Murakami


Boa lectura.

7 de mayo de 2010

Estamos a ler:

TODOS LOS FUEGOS EL FUEGO. Julio Cortázar
O LIBRO

Publicado en 1966, este libro reúne oito relatos do autor, considerados xa como clásicos na súa obra, e de imprescindible lectura para todos aqueles amantes do conto como xénero. Nesta obra, Julio Cortázar desprega o seu mellor xenio creativo e a súa capacidade de introducir en circunstancias cotiás, eses elementos fantásticos ou extraordinarios que fan que unha historia quede para sempre no recordo.

O AUTOR

Julio Cortázar (Bruxelas 1914, París 1984). Escritor e intelectual arxentino, innovador e orixinal, xenio indiscutible na narración breve e creador de novelas como Rayuela, clásico da literatura arxentina e latinoamericana. Escritor impenitente dende neno, abordou todos os xéneros: ensaio, conto, novela e poesía (aínda que esta última é quizais a menos recoñecida).

Formado como profesor, exerceu como tal, e tamén traduciu a obra de Edgar Allan Poe, traballo que se considera como a mellor tradución do autor estadounidense.

A súa faceta social, levouno a interesarse polos procesos políticos de países como Cuba, Arxentina Chile e Nicaragua, doando algúns dos dereitos dos seus libros para axudar aos presos políticos.

En 1981 concedéuselle a nacionalidade francesa, e está enterrado no cemiterio de Montparnasse, onde os seus admiradores deixan sobre a súa tumba billetes de metro ou papeis, nos que debuxaron rayuelas.

"Ven a durmir comigo, non faremos o amor, el faranos."
Julio Cortázar.


Boa lectura.