22 de octubre de 2010

Estamos a ler:

LA MENNULARA Simonetta Agnello Hornby


O LIBRO

A criada dos Alfallipe, "persoa de casa", como se denomina en Sicilia aos empregados de confianza que serven toda a vida aos mesmos señores, acaba de morrer con apenas cincuenta anos. Ninguén parece sentir a súa perda. Os fillos do dono, resentidos porque Maria Rosalía Inzerillo (coñecida como a mennulara) administraba os bens da casa dende a morte do señor, deben non obstante obedecer as instrucións que a defunta deixou estipuladas se queren ser merecedores da cuantiosa herdanza que lles prometera.

Mentres tanto, todos no pobo critican e especulan sobre as estrañas relacións dos Alfallipe cunha serventa leal e traballadora, pero que, a pesar da súa posición, manexaba o diñeiro dos seus amos. Uns ódiana, outros admírana, e todos cren coñecela sobre a base das súas escasas experiencias persoais cunha muller que a ninguén daba confianza, e que coinciden en sinalar como esquiva e orgullosa.
O lector, como un veciño máis, escoita retallos da súa historia, e vai pouco a pouco atando cabos para así descubrir a vida, a personalidade e as motivacións dunha muller forte e intelixente, que soubo sobrepoñerse a unha existencia dura e desgraciada e quixo servir, con fidelidade a unha familia que xamais soubo valorar a súa entrega e o seu cariño.



LA AUTORA

Simonetta Agnello Hornby naceu en Palermo (Sicilia) en 1945. Pertence a unha familia da pequena aristocracia siciliana. Pasou parte da súa infancia en Agrigento e non comezou a ir ao colexio ata os 11 anos, sendo educada ata entón na casa cunha titora e un profesor particular. Na súa familia, á causa da súa clase social, ninguén traballaba.
Licenciouse en Dereito, estudos que finalizou en Inglaterra onde tamén ten o seu domicilio dende 1972, foi presidenta durante oito anos do Tribunal de Necesidades Educativas Especiais e Minusvalidez, e fundou un bufete de avogados na cidade de Brixton, que se ocupa dos problemas das comunidades negras e musulmás.
Empezou a escribir aos 55 anos, grazas a un afortunado atraso dun voo que a deixou nun aeroporto de Roma e a súa primeira novela "A Mennulara", se converteu en best-seller, sendo traducida a doce idiomas e facéndose acredora do Premio Literario Forte Village, e o Premio de Stresa Ficción (ambos os dous en 2003) e en España o II Premio Novela Europea Camiño de Santiago
Outras obras súas son La tía marquesa,(2004) Boccamurata (2007) Vento Roto.(2009) e Entre la Bruma (2010).
Na maior parte das súas obras, o tema central son os dramas familiares e os amores desgraciados. E por suposto, a terra e a cultura Sicilianas, co inevitable fantasma da Mafia, que parece impregnalo todo.


"Os feitos son moitos, pero a verdade é unha" Rabindranath Tagore.

Boa Lectura.

13 de octubre de 2010

Estamos a ler:


NO DIGAS QUE FUE UN SUEÑO Terence Moix


O LIBRO


Antonio e Cleopatra. O rudo soldado romano e a intelixente e sofisticada soberana de Exipto. Tanto se escribiu sobre os amores destes dous personaxes históricos, que xa a duras penas se recoñece onde acaba o mito e onde empeza a realidade.
Por iso é tan gratificante ler unha novela na que a reflexión sobre o amor (en todos os seus procesos, en todas as súas facetas, en todas as súas glorias e miserias) transcende uns personaxes que por outro lado, se nos presentan cunha forza e unha humanidade arrolladoras.
Pero "No digas que fue un sueño", non é só un paseo polas revoltas do amor, é unha viaxe apaixonante a un mundo antigo que existiu e que na pluma do autor, cobra unha nova vida. O lector non pode por menos que namorarse das paisaxes e a cultura de Exipto, de ver cos ollos da imaxinación a fascinante cidade de Alexandría, de crer, como creen os exipcios, que hai unha forma de beleza tan perfecta que nunca morre, que permanece para sempre na eternidade.


O AUTOR

Ramón Moix Messeguer naceu en Barcelona, 5 de xaneiro de 1942 e faleceu na mesma cidade o 2 abril de 2003)
De formación autodidacta, traballou como traductor de inglés e francés e como colaborador de editoriais e axencias de noticias. Residiu en París, Londres e por breve tempo en Madrid.
Publicou as súas primeiras novelas policiacas cando apenas tiña vinte anos co pseudónimo de Ray Sorel, pero non foi ata "La Torre de los Vicios Capitales" (1968) cando a súa obra empezou a ser valorada pola crítica.
O recoñecemento do gran público chegou coa publicación da súa novela "No digas que fue un sueño", galardoada co Premio Planeta en 1986, que o colocou entre os autores máis lidos do país. Esta obra coma outras "(La herida de la esfinge", "El arpista ciego"...) ten como escenario o antigo Exipto, polo que sentía fascinación.
Asiduo colaborador na prensa escrita, prestou a súa pluma a revistas sobre a sétima arte de cuxos mitos era un apaixonado, o que se reflicte na súa creación literaria: "Hollywood Stories", "Iniciación a una historia del cine"...
Ademais de novela e artículos tamén escribiu libros de viaxes "Tres viajes románticos" e un libro de memorias: "Memorias del peso de la paja".
Galardoado en moitas ocasiónss, entre os seus premios podemos citar: o Josep Pla en 1969, o Premio da Crítica e o Prudenci Bertrana en 1972, o Planeta de Novela en 1986, o Fernando Lara de Novela en 1996 e o da Fundación José Manuel Lara no 2003.


"Sólo aspiro a encontrar o meu paraíso na terra. E son digno de compaixón porque é posible que o coñecese en varias ocasións e non me decatase."
Terence Moix

Boa lectura.