22 de abril de 2010

Estamos a ler:

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR. Agustín Fernández Paz.

O LIBRO

Libro de relatos que xiran en torno ao amor. Non é, dende logo, todo o que se pode dicir, pero é máis que suficiente. Deixamos aos lectores gozar das historias que o autor nos conta, da beleza dunha prosa enchida de poesía narrando amores perdidos, amores secretos, amores eternos...
Acompañan ao texto as ilustracións do debuxante Pablo Alaudell, que plasma con mestría en imaxes o espírito de morriña que impregna toda a obra.
Con este libro, o autor gañou no ano 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.



O AUTOR

Agustín Fernández Paz, nado en Villalba (Galicia) en 1947. Licenciado en Ciencias da Educación, traballou como docente en diferentes centros educativos ata a súa prexubilación no ano 2008.
A traxectoria profesional do autor estivo sempre ligada á promoción do idioma galego. Foi membro do Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa e Coordinador Docente do Galego, así como membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega, participando na elaboración de materiais didácticos para o ensino de galego en distintos niveis escolares. Impartiu diversos cursos relacionados coa didáctica da lingua e a normalización lingüística. É membro do Consello da Cultura Galega e asesor do programa Sol. Dirixe a colección "Merlín" de literatura xuvenil e escribiu numerosos libros de texto e obras dirixidas aos lectores novos.


"Tratar de esquecer a alguén é querer recordalo para sempre". Anónimo.

Boa lectura.

2 comentarios:

  1. Pareceume un libro absolutamente entrañable e tenro. Con esas incursións marabillosas á poesía de Neruda e Valente entre outros, que nos invita a querer coñecer máis deles. Como a protagonista da primeira historia na que o dependente da libraría, totalmente namorado dela, lle deixaba retallos deses poemas que ela devoraba con auténtico deleite.

    Tamén nos fai ver como un simple detalle, un pequeno e insignificante detalle, podería ter cambiado o rumbo das nosas vidas (neste caso, dos protagonistas das historias, pero iso é algo que se pode extrapolar ás nosas propias vivencias). O medo ou a covardía é o que sempre nos afasta da felicidade. Para min é a conclusión final que saco desta lectura.

    ResponderEliminar
  2. Desmaiarse, atreverse, estar furioso,
    áspero, tenro, liberal, esquivo,
    alentado, mortal, defunto, vivo,
    leal, traidor, covarde, animoso;

    non achar fóra do ben centro e repouso,
    mostrarse alegre, triste, humilde, altivo,
    anoxado, valente, fuxitivo,
    satisfeito, ofendido, receoso;

    fuxir o rostro ao claro desengano,
    beber veleno por licor suave,
    esquecer o proveito, amar o dano;

    crer que un ceo nun inferno cabe,
    dar a vida e a alma a un desengano:
    isto é amor: quen o probou sábeo.

    ( Lope de Vega )

    ResponderEliminar