23 de abril de 2010

Día do libro

“O que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito”

Miguel de Cervantes Saavedra (1547-1616)


“Un home que non se alimenta dos seus sonos envellece pronto”

William Shakespeare (1564-1616)


“Trocóusenos reinar en vasalaxe

Inca Garcilaso de la Vega (1539-1616)


Romeo e Julieta, Novelas Ejemplares, Tito Andrónico, Historia de Florida, Hamlet, A Galatea, Comentarios Reales, O enxeñoso fidalgo Don Quijote de la Mancha...

Ás plumas que se foron, ás que están e ás que virán: Grazas.


Feliz día do libro....

… e boa lectura.

22 de abril de 2010

Estamos a ler:

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR. Agustín Fernández Paz.

O LIBRO

Libro de relatos que xiran en torno ao amor. Non é, dende logo, todo o que se pode dicir, pero é máis que suficiente. Deixamos aos lectores gozar das historias que o autor nos conta, da beleza dunha prosa enchida de poesía narrando amores perdidos, amores secretos, amores eternos...
Acompañan ao texto as ilustracións do debuxante Pablo Alaudell, que plasma con mestría en imaxes o espírito de morriña que impregna toda a obra.
Con este libro, o autor gañou no ano 2008 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.



O AUTOR

Agustín Fernández Paz, nado en Villalba (Galicia) en 1947. Licenciado en Ciencias da Educación, traballou como docente en diferentes centros educativos ata a súa prexubilación no ano 2008.
A traxectoria profesional do autor estivo sempre ligada á promoción do idioma galego. Foi membro do Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa e Coordinador Docente do Galego, así como membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega, participando na elaboración de materiais didácticos para o ensino de galego en distintos niveis escolares. Impartiu diversos cursos relacionados coa didáctica da lingua e a normalización lingüística. É membro do Consello da Cultura Galega e asesor do programa Sol. Dirixe a colección "Merlín" de literatura xuvenil e escribiu numerosos libros de texto e obras dirixidas aos lectores novos.


"Tratar de esquecer a alguén é querer recordalo para sempre". Anónimo.

Boa lectura.

15 de abril de 2010

Vivir nas alturas

Qué tal vos vai vivindo sobre as árbores? Estades a acompañar a Cósimo na súa inquebrantable decisión e talvez empezades, como el, a ver o mundo dende outra perspectiva? Quizais tamén vos sentides sós/soas a miúdo polo voso modo de pensar e de vivir, formando parte dunha sociedade que non vos comprende e á que moitas veces tampouco comprendedes?

A pesar de todo, ámase á sociedade como se ama ao que se necesita, ao que forma parte de ti. A soidade non é boa para o ser humano; Cósimo sábeo ben e por iso buscará sempre a relación cos demais, como facemos todos. Aínda así, sentirá a amargura de manter a propia individualidade a custa de nadar contra a corrente que o rodea. E resistirá.

Cósimo está tolo? Ou estano os demais? É digno de pena ou de admiración? Entendédelo, envexádelo... enfastíavos a súa obstinación... ou talvez empezades a querelo por ela?

A propósito: Cal é a árbore á que vosoutr@s vos subides para ver o mundo dende as alturas?

10 de abril de 2010

Estamos a ler: O Barón Rampante. Italo Calvino

O LIBRO

¿Quén non soñou algunha vez rebelarse contra un modo de vida que non che agrada, escapar das presións ás que nos someten o mundo e os nosos semellantes, dar unha puñada na mesa e dicir: Abonda!? Por qué non realizar un xesto, simple ou extravagante, pero rotundo, levando a nosa decisión ata as últimas consecuencias?
Iso é o que fai o mozo Cósimo cando á idade de 12 anos, rebélase contra a súa familia e decide subir a unha árbore, prometendo que non volverá poñer xamais un pé na terra. Dende esta nova perspectiva, vivirá toda a súa existencia, non como un eremita, senón moi ao contrario con intensidade. No transcurso da súa vida, pasará por todas as experiencias comúns aos demais mortais, e aínda máis, pero nunca romperá a súa promesa.
Baixo a divertida aparencia dunha novela fantástica escóndese unha férrea crítica contra a sociedade xerarquizada (que transcende a época en que se desenvolve a obra). Na historia tamén se reflicte o desengano do autor cara á política, o que non o fará abandonar as súas propias convicións.

El AUTOR

Italo Calvino, naceu en Cuba no 1923 pero viviu case toda a súa vida en Italia, a terra dos seus pais, onde faleceu no ano 1985. Está considerado un dos escritores italianos máis importantes do século XX. A súa extensa obra abarca moitos estilos, e está marcada polo pensamento político do autor, así como polas súas experiencias vitais. Inicialmente próxima ao neorrealista: Il sentiero del nidi di ragno, logo faise plenamente fantástica (a ese periodo pertence a triloxía I nostre antenati, na que se inclue Il barone rampamte. A súa obra máis complexa aparece cara aos anos sesenta, en que Italo Calvino se lanza a unha narrativa entendida coma un xogo combinatorio, influenciada polo estruturalismo e a semioloxía. A esta época pertencen novelas como La citta invisibili (1972) e Se una notte d'inverno un viaggiatore (1972). Esta última está considerada en Estados Unidos coma un exemplo de literatura posmoderna.



Un clásico é un libro que nunca cesou de contar o que ten que contar. Italo Calvino.

Boa lectura.