20 de diciembre de 2010

Estamos a ler:

SUITE FRANCESA Irène Némirovsky

O LIBRO

A historia está chea de períodos convulsos e terribles, que a miúdo coñecemos grazas a escritores e estudosos da época. Pero ás veces temos o raro privilexio de somerxernos neles da man da persoa que tivo a ocasión (desgraciada en moitos casos) de vivilos en propia persoa.
Este é o caso de Irène Némirovsky. Comezou a escribir Suite Francesa mentres, vítima deses tempos que relata, agardaba con serena lucidez o momento de ser detida. Non lle deu tempo a concluír a súa obra, pero aínda así foi suficiente para mostrarnos o panorama dunha Francia que ve como o exército inimigo se abate sobre ela. Describe de forma escrupulosa, imparcial, clara, pero con apuntamentos de sorprendente beleza, a fuxida dos habitantes de París cargando cada un coas súas pertenzas e cas súas glorias e miserias. E fálanos tamén da ocupación, da forzada convivencia de pobos inimigos que se temen e se odian, pero que á fin, mesmo sobre o sangue dos caídos, non teñen mais remedio que recoñecerse na súa mutua humanidade e no feito de que son todos vítimas dunha circunstancia que os supera; a guerra.
Suite francesa non é unha novela compracente. Fainos mirarnos ao espello e recoñecer que a traxedia poucas veces fai de nós heroes. O instinto de supervivencia require dunha fortaleza que, a miúdo, nos obriga a pasar por enriba dos nosos bos sentimentos... ou o que é peor, a descubrir que realmente non eran tan bos.

A AUTORA

Irène Némirovsky naceu o 11 de febreiro de 1903 en Kiev, no seo dunha familia xudía. O seu pai, León un banqueiro ucraíno, era un dos homes máis ricos de Rusia. A nai Fanny, deixou á nena ao coidado dunha aia que a ensinou a falar francés, pero ademais, Irène chegou a falar con fluidez ruso, polaco, inglés, vasco e finlandés.
A familia trasladouse a París en 1919 fuxindo da revolución de outubro e alí Irène obtivo unha licenciatura en letras na Sorbona. Publica algúns contos en revistas francesas e leva unha vida despreocupada e trouleira ata que en 1926 casa co enxeñeiro Michel Epstein co que terá dúas fillas: Denise e Fanny. En 1929 enviou a súa novela "David Golder" a unha editorial e será o comezo dunha exitosa carreira literaria na que se lle chegaría a considerar como unha das escritoras mais prestixiosas de Francia. Aínda así non obterá a nacionalidade francesa e no medio dun marcado antisemitismo, convértese ao cristianismo xunto coas súas fillas en 1939.
Ao iniciarse a guerra o matrimonio leva as nenas a Issy-L'Évéque. Eles volven a París, pero son sometidos ás leis contra os xudeus, perden o dereito a traballar e deciden reunirse coas súas fillas. Irène segue publicando (con pseudónimo) e escribe: "A vida de Chejov" e "As moscas do outono". Comeza tamén a traballar na súa obra "Suite francesa", aínda que dubida que teña tempo para rematala. E así é en efecto, é detida pola xendarmaría francesa o 13 de xullo do 42, e posteriormente deportada a Aunschwitz, onde morre o 17 de agosto dese mesmo ano. O seu marido, que intentou intervir no seu favor, será arrestado en outubro e seguirá a súa mesma sorte.
As fillas, igualmente perseguidas, emprenderán unha fuxida por toda Francia, acompañadas pola súa fiel titora e arrastrando con elas a maleta cos manuscritos da súa nai. Entre eses papeis está “Suite Francesa”,


"Cada guerra é unha destrución do espírito humano" Henry Miller.

Boa lectura

2 de diciembre de 2010

Estamos a ler:



Pedimos desculpas aos lectores do blog, xa que por circunstancias persoais non puidemos realizar a reseña da lectura anterior: "Cien años de Soledad", do escritor Gabriel García Márquez.
Tras este "parón", reincorporamonos á dinámica do noso club de lectura con unha das obras máis destacadas da literatura romántica universal:


CUMBRES BORRASCOSAS Emily Brontë


O LIBRO

"Cumbres Borrascosas" está considerada hoxe en día como un clásico na literatura inglesa. Non obstante, cando se publicou en 1947 foi recibida pola crítica con frialdade e desagrado. Non era para menos, posto que a historia e os personaxes que describe están moi lonxe da idealización da novela romántica e moito menos dos ríxidos canons morais da época.
Todo na obra é paixón e desmesura. Os sentimentos levados ao seu límite, o odio, o amor, os celos, a ambición... e inmersos neles, os protagonistas, Heathcliff e Catalina, cuxo amor coma se dunha herba salvaxe e velenosa se tratase, crece e supera aos amantes e a cantos os rodean. Un amor que non ofrece paz e dozura, moi ao contrario, parece dende o principio destinado a traer a desdita a moitas vidas e a ser, en se mesmo, unha traxedia.



A AUTORA

Emily Brontë naceu en Thornton, Yorkshire (Inglaterra) en 1918 e faleceu o 19 de decembro de 1948. Filla do reverendo Patrick Brontë e da súa esposa Maria Branwell, foi a quinta nunha sucesión de seis irmáns: Maria, Elisabeth. Charlotte. Branwell, a propia Emily e a benxamína Anne.
A súa nai morreu prematuramente e a nena foi enviada xunto ás súas irmás a un colexio para fillas de clérigos. Debido ás duras condicións do centro, as dúas maiores ( de só once e dez anos) contraeron a tuberculose e morreron. O pai sacou ás súas fillas mais pequenas da institución, na que apenas permaneceron uns meses.
Emily traballou como institutriz e logo ingresou xunto á súa irmá Charlotte nun colexio privado en Bruxelas. Tras a morte da súa tía, a moza volverá a Inglaterra para exercer como administradora do fogar familiar. Ocuparase principalmente do seu irmán Branwell, un pintor de talento frustrado a causa da súa inestabilidade e a súa adicción ao opio e ao alcohol, ao que coidará con abnegación ata a súa morte.
En 1846 publicará o seu primeiro libro de poesías xunto coas súas irmás :"Poemas de Currer, Ellis e Acton Bell" (as tres utilizan pseudónimos masculinos) que terá escasa repercusión. Pero as irmás non se desaniman e comprométense a escribir unha novela cada unha.
Así, en 1847, verá a luz "Cumbres Borrascosas", unha obra que desconcertou crítica e público pola súa estrutura innovadora e a presentación dunha historia que supera os límites da opresiva moral vitoriana.
Só un ano máis tarde, Emily asistirá en setembro ao funeral do seu irmán. Alí contrae un catarro que se transforma en tuberculose e lévaa á tumba tres meses despois. Tan só tiña 30 anos.


“Cando o amor desenfreado entra no corazón, vai roendo todos os demais sentimentos” Alejandro Dumas (pai).

Boa lectura