Autovía por diante e escoltadas por unhas magníficas e coloridas paisaxes, regresamos. A miña imaxinación non obstante retorna ao percorrido entusiasta que fixemos onte, pola outra autovía que é a Feira do Libro, visitando as diferentes casetas e co xúbilo propio de quen vai descubrindo autores consagrados que asinan cariñosamente as súas obras, Eduardo Punset, Julia Navarro, Soledad Puértolas, Angeles Caso, Jordi Serra i Fabra, Lucía Etxebarría, entre outros moitos e como non, o noso queridísimo Antonio Gala, que na súa dedicatoria nos desexaba que compartísemos sempre o corazón e a ledicia.
Na dedicatoria que me escribiu Javier Marias da súa novela "Todas las almas", resalta que é quizais a súa novela favorita, aínda.
Semellante parecer, vén a ser esta busca de poder dicir que damos o mellor que temos para que outros poidan aproveitalo, crendo ao mesmo tempo que hai un aínda, no que se pode mellorar. Esta é a esencia deste Club de Lectura.
Ánimo non nos falta, a ilusión proporciónanos esa vontade para seguir aprendendo.
Efectivamente, unha representación aínda moi pequena, do Club de Lectura de Burela, visitou a Feira do Libro e nesa visita, fomos contaxiadas, aínda máis se cabe, da necesidade de que en Burela o amor pola lectura sexa un chanzo que eleve a esta localidade nunha tarefa cultural, con tanto arraigamento como arraigada está Burela no mar.